O que os nenos aprenden case como un xogo vailles ser útil para o resto da súa vida. A través desta actividade logran maior confianza na súa capacidade de crear solucións para as súas necesidades fundamentais, liberan a súa creatividade, educan a súa sensibilidade ao tacto, á vista, ao olfacto e ao gusto, aprenden a gozar co que fan, para si e para os demais.
A cociña resulta un medio poderoso para iniciar a súa independencia a través dun camiño divertido e creativo.
A cociña é unha mestura de xogo, ciencia e arte.
Nesta sección pretendemos facer chegar estes valores e outras virtudes pedagóxicas a nenos e pais, para que gocen na cociña e para que aprendan a comer dun xeito doado e saudable unha gran variedade de alimentos.
Velaquí unha alternativa aos espetos de carne, que podes facer na casa ou nunha grella para o churrasco e que, se probas unha vez, seguro que repites:
Espeto de verduras
- Para 4 persoas
- Tempo de elaboración: 20 min.
- Grao de dificultade: Doado
Ingredientes:
- 1 pemento vermello
- 1 cebola pelada
- 1 cabaciña
- 1 berenxena
- 12 champiñóns ou cogomelos
- unha manchea de sal
- 4 culleradas de aceite de oliva
- Lava e corta todos os ingredientes en tacos medianos, a excepción dos champiñóns ou cogomelos
- Espeta en catro paus longos todas as verduras, intercalándoas por cores.
- Pon os espetos nunha prancha ou grella, e bótalles un chisco de sal e aceite a cada un por riba.
- Cando vexas que xa se douraron por un lado, dálles a volta, para que se douren polo outro lado.
Cada mes propoñémosche unha serie de xogos e exercicios para que o pases ben.
O rebote
- Idade: a partir de 5 anos
- Tempo aproximado: 10 minutos
- Xogadores: 2 ou máis
- Material: unha pelota por participante e un asubío ou similar
- Decidir quen fai de árbitro. Sempre deberá haber un, polo que o mellor será irse alternando entre todos para realizar esta tarefa.
- Cada xogador debe ter unha pelota sobre a palma da man.
- O árbitro asubía cada pouco tempo, marcando un ritmo lento. A cada son de asubío que se faga, todos os xogadores deben lanzar a pelota ao aire de xeito que esta volva caer sobre a palma da man.
- Pouco a pouco, o árbitro vai marcando un ritmo máis rápido, e todos os xogadores deben intentar seguir facendo que a pelota rebote na palma da man, sen que caia ao chan.
- Se a pelota cae tres veces ao chan, o xogador queda eliminado. O xogo continúa ata que só quede un neno.
Tamén se pode xogar lanzando a pelota dunha man a outra no canto de sobre a palma da man.
Bailando
- Idade: a partir de 5 anos
- Tempo aproximado: 5 minutos
- Xogadores: 2 ou máis
- Material: un xiz ou corda e música
- Debúxase un círculo no chan con pintura, xiz ou con algún obxecto (por exemplo, cunha corda).
- Cando empece a soar a música, os nenos deberán bailar movéndose e mediante saltos, pasando do interior ao exterior do círculo sucesivamente.
- Cando a música pare, cada neno deberá quedar quieto onde estea. Os nenos que estean dentro do círculo quedan eliminados.
- Repítese a acción ata que só quede un neno bailando fóra do círculo, que será o gañador.
Que par de siameses!
- Idade: a partir de 5 anos
- Tempo aproximado: 5 minutos ou máis
- Xogadores: 4 ou máis, pero pares
- Materiais: fitas ou pano
- Márcase unha liña de saída e unha de chegada, e fórmanse parellas unidas por unha perna, mediante unha fita ou pano.
- Ao sinal de saída, as parellas comezan o percorrido como se fosen siameses. Se unha parella cae, deberá volver empezar.
- Gaña a parella que dea chegado antes á meta.
As parellas tamén poden se poden amarrar polas costas e facer o percorrido desprazándose de lado.