Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI contigo

Selección de idioma:

  • EROSKI en Youtube
  • EROSKI en Twitter
  • EROSKI en Facebook

Estás na seguinte localización:

Ferramentas da páxina


ANUARIO DE ACTIVIDADES DE RESPONSABILIDADE SOCIAL CORPORATIVA DE EROSKI NO 2010

resumo das actividades de responsabilidade social corporativa de eroski no 2010

Accións de solidariedade

O compromiso cos máis necesitados tamén está moi presente no noso día a día. Por iso, desde EROSKI colaboramos con varias federacións e organizacións solidarias achegando o noso "gran de area" en asuntos tan dispares como a doazón de alimentos para comedores sociais ou a cooperación internacional.

_Banco de Alimentos

Durante o exercicio 2010 doamos á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) máis de 2.700 toneladas de produto.

Como xa é habitual desde hai 14 anos, puxemos en marcha dúas campañas de recollida de alimentos en que os consumidores demostraron a súa solidariedade ao doaren nas tendas parte da súa compra para os máis necesitados. En xuño recolléronse case 55.000 quilos. É a campaña estival de máis éxito dos últimos anos e recibimos unha felicitación expresa por parte do Banco de Alimentos. No Nadal a recollida de produtos veu acompañada dunha campaña solidaria específica que foi moi ben acollida polos nosos clientes. En total, recolléronse 175.000 quilos de alimentos.

A esta cifra debémoslle engadir os artigos que doan as tendas de forma directa: máis de 625.000 quilos de minguas (produtos con golpes no envase, etc.) e, por segundo ano , máis de 1.800 toneladas de produtos frescos e alimentación. A frescura deste tipo de artigos esix e unha entrega diaria e isto só é posible grazas ao compromiso de frescura que mantemos en EROSKI. Retiramos da venda iogures, sobremesas, ovos e pan de molde con antelación á súa data de caducidade e, así, dispomos dunhas marxes de tempo imprescindibles para que os produtos doados cheguen en perfectas condicións de calidade e seguranza.

_Calendario Solidario

No Nadal puxemos á venda un Calendario Solidario 2011 polo prezo de 1 euro. A campaña estivo implantada na liña de caixas, desde a segunda quincena de novembro até finais de xaneiro. A recadación obtida destinouse integramente ao Banco de Alimentos. A doazón realizouse en forma de produto para que se distribuíse entre os principais comedores sociais en cada provincia e converteuse así en complemento á recollida de alimentos doados directamente polos consumidores na tenda.

_Entrega produto

Durante o 2010 miles de persoas, principalmente nenos, mulleres e anciáns, recibiron xoguetes, calzado e roupa, cunha valoración económica de 162.700 euros por parte de EROSKI. Colaboramos coa Federación Nenos do Mundo e outras asociacións entregando produtos novos, procedentes dos hipermercados EROSKI e da central de compras, que son excedentes de temporada ou mostras utilizadas para a definición de gama dos centros.

_Voluntariado corporativo

Mantemos un convenio de colaboración con MUNDUKIDE no ámbito da cooperación internacional, que se basea na transmisión da nosa experiencia en distribución e comercialización a persoas e colectivos cos que MUNDUKIDE impulsa os seus proxectos de intercooperación.

Desde maio do 2010 até abril do 2011 unha persoa de EROSKI desprazouse ao Brasil para colaborar nun proxecto de creación dunha rede de supermercados que dese resposta ás necesidades dos asentados e acampados do MST na rexión Centro-Oeste do Paraná. O traballo desenvolveuse desde distintas perspectivas (comercial, social, compras e marcas propias) e promoveu a fórmula da cooperativa como modelo válido para a consecución destes obxectivos.

_Doazón de material escolar para o Sáhara

Colaboramos co Concello de Elorrio, municipio onde temos a nosa sede social, nunha campaña de doazón de material escolar para nenos do Sáhara. Grazas a este tipo de iniciativas, estes nenos dispoñen de mochilas, cadernos ou lapis para asistiren ao colexio e continuar co seu proceso educativo en mellores condicións.

_Médicos Sen Fronteiras

Somos socio integrante do Círculo de Empresas Solidarias e colaboramos desde hai varios anos con contribucións periódicas ao Fondo de Urxencia, que fai posible que Médicos Sen Fronteiras poida intervir de forma inmediata en urxencias derivadas de catástrofes naturais, epidemias, fames, conflitos armados ou grandes desprazamentos de poboación. Médicos Sen Fronteiras é unha organización médico-humanitaria internacional que asiste a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes e de conflitos armados, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política.

_Intermón Oxfam

Por terceiro ano consecutivo e en colaboración con Intermón Oxfam apostamos por unha felicitación do Nadal dixital, polo aforro ambiental que iso supón. Tamén mantivemos o apoio a Intermón Oxfam, a través dun proxecto que forma parte do Programa Medios de Vida Sostibles de Intermón Oxfam e que no 2010 se dirixiu a gañar a batalla á fame en Tanzania.

Desde unha perspectiva a longo prazo, o principal obxectivo de Intermón Oxfam é asegurar a alimentación de poboacións desfavorecidas fomentando as súas capacidades produtivas e asociativas, para que poidan dispor de alimentos todo o ano e xerar ingresos de forma estable. Para iso, executa diferentes proxectos para conseguir reducir o período de escaseza de comida en Tanzania, beneficiando a unhas 70.000 persoas.

_UNICEF-Haití

Colaboramos con UNICEF na campaña de urxencia para a recadación de fondos para Haití. Entre a achega de EROSKI e a dos nosos clientes conseguimos doar a UNICEF ao redor de 300.000 euros. Segundo un informe desta organización, as axudas destináronse principalmente a fornecer kits de hixiene, pastillas potabilizadoras, medicamentos e material escolar.

UNICEF traballa en máis de 150 países e territorios para garantir aos nenos e ás nenas o dereito a sobreviviren e a desenvolvérense desde a primeira infancia até a adolescencia. UNICEF, que é o maior fornecedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellorar a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e nenas e a protección dos nenos e as nenas contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA. UNICEF finánciase coas contribucións voluntarias de individuos, empresas, fundacións e gobernos.