Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Unha das nosas liñas de traballo máis importantes é proporcionar ao cidadán información de valor que poida axudarlle a tomar decisións á hora de consumir e contratar produtos e servizos. O buque insignia dese labor é EROSKI CONSUMER e o labor que desenvolve desde hai máis de 30 anos, mais tamén contamos con campañas veteranas e recoñecidas, como InfoXogo, e outras máis actuais e igualmente de éxito, como ‘Reduce a túa Pegada de Carbono’.
Con este proxecto mantémonos como líderes a nivel nacional en materia de información e formación ao consumidor. A través da FUNDACIÓN EROSKI, levamos máis de tres décadas editando a revista e, no 1998, púxose en marcha tamén a www.consumer.es
O noso obxectivo desde EROSKI CONSUMER é crear e difundir informacións que poidan axudar os cidadáns a acertaren nas decisións da súa vida cotiá. A alimentación e a promoción duns hábitos de vida saudables compoñen un dos nosos eixos principais, mais abranguemos tamén outras temáticas de marcado interese para o consumidor, como o ambiente, a solidariedade, a economía, ou as novas tecnoloxías. Este proxecto é o resultado do traballo dun amplo equipo formado por profesionais de distintos ámbitos: xornalistas, nutricionistas, científicos, xuristas, deseñadores gráficos, programadores da Internet...
A calidade, credibilidade e utilidade das nosas informacións é o que levou a nos converter nun referente indiscutible no terreo da información e formación para o consumidor. Así o avalan as cifras e a fidelidade dos consumidores. Cada mes ao redor de 625.000 persoas len a nosa revista e case tres millóns de usuarios únicos navegan pola súa páxina web. Ademais, no 2010, os boletíns electrónicos superaron xa o millón de subscritores. O recoñecemento a este traballo reflíctese tamén nos medios de comunicación, que citaron o noso labor máis de 2.000 ocasións, e nos premios recibidos.
Entre as novidades do 2010, destaca a aplicación para conectarse e visualizar a Guía de EROSKI CONSUMER do Camiño de Santiago a través do iPhone. Decidimos dar máis un paso con esta guía online, a máis visitada do mundo na súa temática con case un millón e medio de usuarios ao ano, e en pleno Ano Xacobeo presentamos unha nova forma de consultar os seus contidos para facer aínda máis accesible a información que os peregrinos necesitan antes ou durante a súa andaina.
No Nadal EROSKI puxemos en marcha a 14ª edición de InfoXogo. Con esta veterana campaña proporcionámoslle ao consumidor toda a información necesaria para realizar unha compra responsable á hora de escoller os agasallos infantís nestas datas, foren xoguetes tradicionais, videoxogos, telefonía móbil ou outros dispositivos tecnolóxicos.
— "Paréceme xenial que haxa alguén asesorando. Agradézoo moito porque nos axudan a saber se o que nos pediron os nosos fillos é adecuado ou non para a súa idade".
Clienta de EROSKI
A asesoría do pedagogo é o formato máis demandado polos nosos clientes, posto que obteñen unha atención individualizada e unha resposta personalizada a todas as súas dúbidas. En total, 122.838 clientes foron atendidos no 2010 polos 103 asesores presentes en case un centenar de hipermercados EROSKI. Foron máis de 5.000 horas de asesoría presencial en tenda, entre as consultas atendidas polos nosos pedagogos (4.678 horas) e os talleres impartidos (342 horas).
—"Sobre videoxogos, adóitannos preguntar o nivel de violencia e se é adecuado ou non para determinada idade. Algúns clientes teñen moita confusión en torno ás distintas plataformas, marcas..."
Asesor InfoJuego"
A maioría dos clientes son pais con fillos de idades inferiores a tres anos, que non prescriben aínda, que non piden o brinquedo de moda ou que está anunciado en TV. A porcentaxe de consultas mantense estable nun 25% sobre videoxogos e un 75% sobre brinquedo tradicional.
Nesta última edición desenvolvéronse contidos divulgativos a través dunha Guía Pedagóxica con máis de 100 páxinas, dispoñible de forma gratuíta nos expositores das seccións de xoguetes e videoxogos dos nosos hipermercados. Editamos 250.000 exemplares e foi moi ben valorada polos consumidores.
Todo o que facemos deixa unha pegada no ambiente en forma de emisións de CO2. En EROSKI traballamos para que a nosa sexa cada vez menor, grazas á melloría nos envases, ao uso de bolsas reutilizables e á implantación de diversas medidas tanto nas nosas tendas como nos nosos medios de transporte.
Queremos que os nosos clientes avancen na mesma dirección e, para iso, no 2010 puxemos en marcha esta campaña en colaboración con ECODES, Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento. Un dos obxectivos máis importantes desta iniciativa foi seguir co noso labor de información e formación ao consumidor, esta vez en materias como a sustentabilidade e o respecto ao ambiente.
Organizamos un divertido evento en hipermercados que lle permitiu aos clientes coñeceren as emisións de carbono derivadas dos seus hábitos cotiáns a través de calculadoras, aprenderen novos conceptos mediante un show con pompas de xabón, descubriren consellos para reducir a súa pegada de CO2 e propor novas ideas. Recollemos 80 propostas espontáneas para reducir emisións.
Nestes eventos, participaron máis de 198.000 consumidores. O formato lúdico-pedagógico do show de pompas permitiunos chegar a tan amplo número de clientes que se paran a presenciar un espectáculo deste tipo. Deles, case 45.000 foron asesorados persoalmente e ao redor de 5.000 usaron as calculadoras para coñeceren o impacto da súa actividade no medio.
— Propostas dos nosos clientes para reducir as emisións de CO2:
...E así até 80 exemplos do que os consumidores propoñen para reduciren a súa pegada de carbono. Moitas grazas a todos por participardes!
EROSKI reforza o seu compromiso coa sustentabilidade apostando por produtos con garantías ambientais e concienciando os seus clientes para que adquiran uns hábitos de consumo respectuosos co ambiente.
Bo exemplo diso son os folios ecolóxicos con selo FSC, que garanten un uso responsable dos recursos forestais tanto na súa fabricación como na súa comercialización. Ao redor deles e co apoio de WWF/Adena, lanzamos no 2010 unha campaña divulgativa nos nosos hipermercados. Repartimos 425.000 folletos informativos; organizamos talleres con monitores especializados en Santander e Terrasa, nos que participaron case 3.300 consumidores; e puxemos en marcha a primeira edición do concurso ‘Cartas á Natureza’, onde máis de 6.000 persoas tomaron parte coas súas cartas ou como xurado popular a través de www.eroski.es.
Extractos das Cartas Ganadoras:
"... eu chámome Víctor, teño 11 anos (...) teño un profe fantástico, fálanos moito de ti, xa sabes nos libros e ti sobre todo estás no de Coñecemento do Medio (...) Ah! por certo, dálle recordos ao meu amigo o río, a última vez que o vin parecía rumorearme ao ouvido bonitas palabras, ben, e tamén moitos recordos ás árbores que me imaxino que agora encherán o chan cos seus bonitos tons ocres das fillas no outono e xa para rematar dille á montaña que aquí na cidade áchoa moito en falta...".
Categoría de 9 a 12 anos.
"Eu reciclo cada día, apago as luces cando non son necesarias, e pecho a billa da auga ao lavar os dentes. Así podería facer unha lista inmensa do que se ten que facer, do que a maioría esquece. Non lles importa o mañá, só pensan en vivir o momento presente, en gozalo ao máximo sen importarlles nada, sen importarlles as consecuencias diso. Entón, por que tanta hipocrisía? (...) Porque por uns miles non se vai arranxar o mundo se uns millóns non poñen nada da súa parte; por moito que lean, escoiten...".
Categoría de 13 a 15 anos.
"Querida natureza: Quizais ás veces non nos detemos a pensar en ti, pero cada día vou sendo máis consciente da importancia que tes na vida. Ou, aínda mellor, de que ti es a vida. Hai moita xente que non se dedica a contemplar a túa beleza, o teu ímpeto, a túa inmensidade, ese magnífico poder cruel e fermoso ao mesmo tempo que nos invade a cada un de nós."
Categoría de 16 a 18 anos.
"Hoxe entro na década dos cincuenta; e imponse un exame de conciencia: Acúsome de pertencer a ese “mundo desenvolvido”, que utiliza unhas lentes de sol permanentes; evitando así que o mínimo reflexo dunha realidade incómoda, poida danar a súa sensible pupila. De formar parte dun “primeiro mundo”, que fai discursos sobre o cambio climático cualificándote de “alleada”, cando na túa defensa, axitas as túas entrañas e treme o señor Richter; ou debuxas temibles tsunamis ao estirar os teus infinitos brazos; ou cando simplemente choromicas, e as túas bágoas provocan unha nova inundación".
Categoría de adultos.
Cando as bolsas de plástico irromperon nas nosas vidas foi toda unha revolución. Eran cómodas, útiles e, aparentemente, gratis. Hoxe en día coñecemos o verdadeiro prezo destas bolsas, xa que son altamente prexudiciais para o medio.
– Unha soa bolsa reutilizable pode evitar ata 125 bolsas de plástico dun só uso.
– O impacto ambiental da bolsa reutilizable é cinco veces menos que o da bolsa de plástico tradicional.
– Por cada bolsa de plástico que non utilizamos, aforrámoslle 20 gramos de CO2 ao medio.
O uso de bolsas de plástico, nocivas para a natureza, é un dos temas sobre os que máis conciencia social se está a desenvolver nos últimos anos. En EROSKI fomos a primeira empresa de distribución en lanzar unha bolsa reutilizable, polo que levamos xa moitos anos traballando neste ámbito. Para informar sobre isto e sensibilizar os consumidores acerca da necesidade de usar bolsas reutilizables nas nosas compras cotiás, no 2010 puxemos en marcha unha nova campaña en colaboración con WWWF/Adena. Editáronse case 6 millóns e medio de folletos/p>
Un dos fitos que marcou o ano a nivel económico foi a suba do IVE, que afectou a todos os consumidores. Coincidindo coa entrada en vigor dos novos tipos impositivos o 1 de xullo do 2010, en EROSKI lanzamos unha campaña informativa dirixida á cidadanía en xeral. A través de tótems e folletos explicativos, esta iniciativa tivo un marcado carácter divulgativo e púxose en marcha co obxectivo de "refrescar" algúns conceptos básicos (que é o IVE?, tipos de IVE?…) e detallar o IVE que teñen algúns dos produtos máis habituais na compra. Editáronse 380.000 folletos.