Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Todos sabemos que a Terra recibe enerxía do sol. Parte desta queda atrapada polos gases de efecto invernadoiro da atmosfera e provoca, nun proceso natural, que a temperatura media do noso planeta sexa de 15 ºC, algo esencial para a vida. Este é o efecto invernadoiro "natural".
As cousas cambian ao aumentar a cantidade de gases de efecto invernadoiro como consecuencia da actividade humana. E ao efecto invernadoiro “natural” súmaselle o efecto invernadoiro xerado pola humanidade, o que provoca que a enerxía que chega á Terra escape dela máis devagar, polo que se "mantén" máis tempo a carón da superficie e se vai producindo unha elevación progresiva da temperatura.
O clima na Terra sempre variou por causas naturais (movemento dos continentes, volcáns, correntes oceánicas…) e en moi distintas escalas temporais (nuns poucos anos ou ao longo de millóns de anos). O problema do cambio climático que coñecemos agora é que no último século os cambios se aceleraron como consecuencia directa ou indirecta da actividade humana e a través da alteración na composición da atmosfera.
Os gases de efecto invernadoiro actúan como unha barreira ou como o cristal dun invernadoiro, absorbendo a calor e devolvéndoo de novo á superficie da Terra. Son varios os gases efecto invernadoiro: o CO2, o metano ou o CFC que EROSKI foi o primeiro gran distribuidor en retirar dos seus produtos en aerosol, alá polo 1989.
Hoxe é o CO2 o que ten un maior impacto no clima, tanto polo aumento das emisións nos últimos 100 anos a través do uso masivo de combustibles fósiles (carbón, gas natural e petróleo) utilizados no transporte, a produción industrial e o consumo doméstico; como porque a cantidade de CO2 absorbido polos ecosistemas naturais (océanos e fragas principalmente) está decrecendo progresivamente.
Recoñecementos ao noso labor a prol do MEDIO NATURAL