Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Preocupámonos pola saúde dos nosos clientes. Por iso, organizamos diversas iniciativas para educar os consumidores no terreo da alimentación, promovendo hábitos saudables á hora de comer e proporcionándolles información de interese para lograr unha dieta máis equilibrada.
Coa colaboración da Fundación Española do Corazón (FEC), no 2010 lanzamos unha campaña de información e concienciación sobre as graxas trans, procedentes de aceites vexetais parcialmente hidroxenados e presentes en alimentos como margarinas, pastelaría industrial, snacks ou pratos preparados.
As graxas trans inflúen de forma negativa sobre os niveis de colesterol e, en consecuencia, sobre a nosa saúde cardiovascular. Por iso, é recomendable evitar o seu consumo. Neste tema a aposta de EROSKI é rotunda, xa que somos a única empresa española de distribución que retirou este compoñente de todos os nosos produtos de marca propia, dando resposta así á demanda de alimentos máis sans expresada polos consumidores nos FOCO (foros de participación dos consumidores nos cales nos transmiten a súa opinión sobre diversos temas vinculados á nosa actividade que lles afectan).
A campaña posta en marcha no 2010 para comunicar esta iniciativa foi unha das de máis éxito do ano e implicou todas as canles de comunicación da empresa. Difundimos ao redor de 430.000 folletos nos nosos establecementos. O labor de información ao redor deste tema veu acompañado de ofertas nalgúns artigos, degustacións de produtos, un concurso, anuncios en televisión, aparicións en EROSKI CONSUMER e outros medios de comunicación...
En total, máis de 70.000 clientes participaron de forma activa na campaña. A maioría (61%) recibiu asesoramento personalizado, mais tamén foron moitos (37%) os que puideron gozar das degustacións de produtos sen graxas trans comprobando así que o seu sabor ficaba intacto. A iniciativa foi un éxito tanto polo número de consumidores que tomaron parte na mesma como polo nivel de comprensión que se conseguiu da mensaxe.
Co aval da Asociación Española de Dietistas- Nutricionistas (AEDN), no 2010 organizamos unha campaña para que os nosos clientes aprendesen a usar o semáforo nutricional incorporado nos produtos EROSKI. Esta ferramenta pode ser útil para lograr unha dieta máis equilibrada, xa que proporciona información nutricional de valor que nos permite seleccionar e combinar mellor os produtos á hora de realizar a compra e confeccionar menús.
Os consumidores, a través dos FOCOs que organizamos en EROSKI para coñecer a súa opinión, pedíronnos que incluísemos máis información sobre os alimentos nos envases. Como resposta, lanzamos a nosa etiquetaxe nutricional en 2007 e, desde aquela, seguimos mellorándoa e implantándoa a cada paso en máis produtos. Actualmente, todos os artigos de alimentación de EROSKI levan integrado o semáforo nutricional (un sinxelo código de cores que indica se a cantidade de cada nutriente é alta, media ou baixa) e as iconas nutricionais que sinalan, por exemplo, se o produto é apto para celíacos ou se contén graxas trans engadidas.
Durante a campaña pedagóxica levada a cabo en 2010, editamos un folleto informativo e puxemos en marcha varias iniciativas na tenda. Un nutricionista profesional percorreu os nosos establecementos co obxectivo de explicar, apoiándose en produtos e exemplos concretos, para que serve o semáforo nutricional e como se emprega. Nestas presentacións participaron case 148.000 consumidores.
De forma paralela, organizouse un evento itinerante que percorreu parte da nosa rede de hipermercados. Unha novidosa “calculadora nutricional” viaxou por 21 centros, permitindo os participantes saberen se a súa dieta era equilibrada simplemente escaneando os códigos de barras dos produtos EROSKI máis habituais na súa dieta. Un total de 15.253 persoas probaron esta útil calculadora.
Desde EROSKI CONSUMER, tamén puxemos en marcha en 2010 un FOCO virtual, un foro de opinión aberto a todos os consumidores e usuarios de Internet, no que queriamos recoller a súa postura sobre a etiquetaxe nutricional. En total, tomaron parte máis de 4.500 consumidores que, de forma maioritaria, consideran que a etiquetaxe nutricional de EROSKI é a máis sinxela (66% de votos), útil (67%), comprensible (74%) e completa (70%). 3 de cada 4 participantes valoraron como máis comprensible a etiquetaxe de EROSKI.