Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI contigo

Selección de idioma:

  • EROSKI en Youtube
  • EROSKI en Twitter
  • EROSKI en Facebook

Estás na seguinte localización:

Ferramentas da páxina



EROSKI acada o recoñecemento da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición polo seu labor a favor dos hábitos de vida saudables

Do conxunto de actuacións premiadas destacan a etiquetaxe nutricional de EROSKI e mais campaña para a prevención da obesidade infantil, amais de todas as iniciativas para a información ao consumidor

2009-03-12

  • Mediante este galardón a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, dependente do Ministerio de Sanidade e Consumo, recoñece a achega de EROSKI á Estratexia NAOS

Madrid, 12 de marzo do 2009.- EROSKI acadou o premio NAOS da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) polo seu labor a prol dos hábitos de vida saudables, na súa modalidade de mellor iniciativa empresarial. Arantza Laskurain, Directora de Consumo de EROSKI, recibiu o galardón de mans do Ministro de Sanidade e Consumo, Bernat Soria, durante a terceira edición do Congreso NAOS. O proxecto de EROSKI, primeira empresa de distribución que acada este galardón, foi seleccionado entre máis dun cento de candidaturas.

Os premios NAOS recoñecen as iniciativas e institucións a prol de hábitos de vida saudables, e en especial das accións dirixidas á prevención da obesidade. No caso de EROSKI valoraron as actividades que dentro do "Programa EROSKI Contigo de nutrición e benestar" desenvolve EROSKI. Destacan a etiquetaxe nutricional de EROSKI e mais a campaña para a prevención da obesidade infantil de EROSKI, amais de todas as súas iniciativas para a información ao consumidor, entre as que se inclúe a revista CONSUMER EROSKI.

O premio NAOS é a distinción máis relevante e prestixiosa en materia de Nutrición e Alimentación e supón un recoñecemento inequívoco ao veterano labor de EROSKI a prol duns hábitos de vida saudables. Segundo Arantza Laskurain, Directora da Área de Consumo de EROSKI, "este galardón non é o premio a unha actividade concreta, senón o recoñecemento da achega global de EROSKI ao benestar dos consumidores e á difusión duns hábitos de vida saudables. Dende EROSKI abordamos este reto cunha visión global: con produtos de marca propia que ofrecen información nutricional extra, con programas de actividade deportiva para nenos e nenas, con información de calidade e gratuíta realizada por expertos sobre temas de nutrición... En definitiva, a contribución de EROSKI a prol duns hábitos de vida saudables está integrada no día a día da nosa empresa dende a súa creación e ocupa un lugar moi relevante dentro das nosas prioridades".

Algunhas accións do "Programa EROSKI Contigo de nutrición e benestar"

A etiquetaxe nutricional. Incluída en preto de 1.000 produtos de marca propia, a etiquetaxe nutricional de EROSKI está baseada nun sinxelo sistema de cores para identificar visualmente a cantidade de calorías e de nutrientes que achega unha porción de cada produto. Esta etiquetaxe achega información que axuda aos consumidores a seguir unha dieta saudable.

Campaña contra a obesidade infantil. Nace co dobre obxectivo de inculcar nos nenos e nenas hábitos saudables na súa alimentación e de fomentar o exercicio físico como alternativa saudable á vida sedentaria. Dende a súa posta en marcha no 2007 máis de 7.000 persoas participaron nas actividades desta campaña.

CONSUMER EROSKI. Dentro do labor informativo desta revista, líder de información ao consumidor, cómpre salientar a promoción dos hábitos de vida saudables, especialmente os que teñen que ver coa alimentación axeitada e coa actividade física. www.consumer.es

Escola online para previr a obesidade infantil. É o recurso máis completo dos que se ofrecen na Rede tanto para nenos e nenas como para os seus pais ou responsables. Ofrece información de utilidade para os pais e nais, textos en profundidade para os expertos e mais xogos para que os máis cativos aprendan a se alimentaren correctamente. Dispoñible en http://obesidadinfantil.consumer.es/.

Receitas online. A web de CONSUMER EROSKI ofrece case 3.000 receitas, cada unha delas co seu comentario dietético e ordenadas por múltiples parámetros (entre eles, se son ou non aptas para 29 enfermidades). En www.consumer.es/alimentacion/recetas.

Guías prácticas. Son libros monográficos, útiles para a vida cotiá. Algúns exemplos dos publicados ata hoxe: 'Alimentos aconsellados, permitidos e limitados segundo 29 enfermidades'; 'Que deporte facer, segundo a idade e a condición física'; 'Como debe ser a alimentación segundo a idade e o tipo de traballo'; guías monográficas sobre alimentos específicos (froitas, verduras e hortalizas, peixes e mariscos...)... www.consumer.es/guias/

Que é a Estratexia NAOS?

No 2005 púxose en marcha a Estratexia NAOS (Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e Prevención da Obesidade) dende o Ministerio de Sanidade e Consumo, a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN). O seu obxectivo é sensibilizar a poboación do problema que a obesidade representa para a saúde e darlle pulo a todas as iniciativas que contribúan a lograr que os cidadáns, e especialmente os nenos e os mozos, adopten hábitos de vida saudables, principalmente a través dunha alimentación saudable e da práctica regular de actividade física.

A Estratexia NAOS pretende servir como plataforma de todas as accións que axuden á consecución do devandito obxectivo, integrando os esforzos e a participación máis ampla posible de todos os compoñentes da sociedade, Administracións Públicas, expertos no tema, empresas do sector privado, consumidores, e toda a poboación. Deste xeito, os ámbitos e os eidos de actuación e influencia da Estratexia NAOS son múltiples: a familia, o contorno escolar, o mundo empresarial e mais o sistema sanitario.

SOBRE EROSKI

A rede comercial de EROSKI suma preto de 2.440 establecementos e está composta por 116 hipermercados EROSKI, 1.029 supermercados EROSKI/center, Caprabo e EROSKI/city, 274 oficinas de EROSKI/viaxes, 53 gasolineiras, 44 tendas de deporte Forum Sport, 300 perfumerías IF, 5 tendas de lecer e cultura Abac e 27 plataformas. A esta rede súmanse 567 autoservizos franquiados. En Francia, EROSKI conta con 4 hipermercados, 16 supermercados e 17 gasolineiras. En Andorra, con 4 perfumerías IF.

Dende hai 40 anos o 10% dos beneficios de EROSKI destínanse a iniciativas de acción social. A través da FUNDACIÓN EROSKI canalízanse boa parte deses beneficios que se reverten na sociedade e que se derivan principalmente a tres tipos de necesidades da comunidade: a información e formación do consumidor, a defensa do medio natural e a solidariedade.


Tamén en EROSKI.es

Eroski Sannia
Eroski NATUR
Supermercados e Hipercercados EROSKI